Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Brión adquire o inmoble da antiga Cámara Agraria Local, que se usa como local de ensaio da Banda de Música Municipal


O alcalde lamenta “ter que comprar un inmoble que foi construído nuns terreos cedidos polo Concello e que foi cedido de balde polo Ministerio á Xunta”

O alcalde de Brión, José Luís García, vén de formalizar o primeiro pago de 9.260,6 euros á Consellería de Facenda pola compra do inmoble da antiga Cámara Agraria Local, emprazado no lugar de Pedrouzos e que dende hai vinte anos é utilizado como local de ensaio para a Banda Municipal de Música Brión. Un acordo de compravenda por un importe total de 37.042,4 euros, que se abonarán en catro prazos entre os anos 2016 e 2019.

José Luís García amosa a súa satisfacción por que “dende hoxe podemos dicir que o local xa é propiedade municipal, polo que poderá ser empregado pola Banda Municipal de Música tanto para os seus ensaios como para gardar os instrumentos”. Porén, lamenta “ter que comprar un inmoble que foi construído hai 60 anos pola Hermandad Sindical de Labradores de Brión, nuns terreos cedidos polo Concello, e que o Ministerio de Agricultura cedeu de balde á Xunta de Galicia. Penso que non ten sentido que agora a Consellería de Facenda nos cobre máis de 37.000 euros por un inmoble que no seu orixe era da veciñanza de Brión, que non ía utilizar para nada e que recibiu totalmente gratis”.

“Incluso nos cobran 1.666 euros de intereses por fraccionar o pago en catro anualidades”, apunta o alcalde brionés, quen sinala que “a pesar de que é o local da Banda de Música e a Xunta non o quería para nada, dixeron que se non o comprabamos o sacarían a subhasta, polo que preferimos chegar a un acordo e que o local pase a ser dende xa propiedade municipal”.

Un inmoble con historia

O edificio da antiga Cámara Agraria está situado na rúa das Pedriñas de Pedrouzos, entre o centro de saúde e o centro social polivalente. Foi construído a mediados da década dos 50 pola “Hermandad Sindical de Labradores de Brión” para ser sede deste sindicato, nun terreo que lle cedera o Concello de Brión por acordo municipal do 17 de decembro de 1952. As obras remataron catro anos despois. Trátase dun edificio de planta baixa, que ocupa 93 m2 e que responde a un modelo arquitectónico que impuxo o réxime franquista para este tipo de construccións.

As “Hermandades Sindicales de Labradores” foron no medio rural a aplicación do sindicato único franquista, para acabar coas organizacións obreiras. No caso de Brión, ao longo do primeiro tercio do século XX naceran máis de media ducia de asociacións e sindicatos agrarios, todos de ámbito parroquial e que foron os impulsores de moitos dos edificios escolares que aínda existen en Pedrouzos, Sabaxáns, San Salvador, Ons ou Cornanda.
Coa chegada do franquismo, os golpistas disolveron e confiscaron os bens das sociedades agrarias que non foran de signo católico ou mutuas gandeiras. Coa chegada da democracia, os sindicatos franquistas foron desaparecendo e edificios como o de Brión convertéronse entre 1977 e 1980 en Cámaras Agrarias, que á súa vez deixaron de cumprir ningunha función.

No ano 1996, data de nacemento da Banda Municipal de Música de Brión, esta entidade utilizou o local de Pedrouzos para os seus ensaios. De feito, o Concello de Brión ten previstas varias actuacións no inmoble para mellorar as condicións para o seu uso, entre as que figuran mellorar o acabado da fachada para promover a eficiencia enerxética do edificio así como a instalación de equipamentos térmicos de biomasa, que serán colocados polo alumnado do obradoiro de emprego “RenovAmes-Brión”.